Thursday 25 de April de 2024

A Xunta aumenta en 30.000 M2 a venda de solo empresarial nos seis primeiros meses do ano


Ángeles Vázquez salienta que esta superficie se traduce nun 70% máis de parcelas e 1,5 M€ máis en bonificacións en comparación co mesmo período de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta de Galicia xa adxudicou nos seis primeiros meses de 2021 un total de 108.000 m2 de solo empresarial. Esta cifra implica, respecto ao primeiro semestre de 2019 —último ano comparable—, que se venderon preto de 30.000 m2 máis cun 70% máis de parcelas.

A conselleira clausurou esta tarde en Santiago de Compostela a asemblea xeral da Federación galega de parques empresariais (Fegape), onde resumiu os datos do balance de venda do primeiro semestre, período no que as bonificacións aplicadas polo Goberno galegos nos seus polígonos foron de 4,5 millóns de euros, 1,5 M€ máis que hai dous anos.

Así, lembrou que a Xunta é a única promotora de solo empresarial que aplica –desde o ano 2015- bonificacións sobre o prezo de venta –de ata o 50%- a todas as parcelas da súa titularidade. O obxectivo é facilitar solo ao empresariado galego e a aquelas firmas que aposten por asentarse na Comunidade.

Nesta liña, Ángeles Vázquez subliñou que se hoxe Galicia pon facilidades no solo dispoñible para a venda, o futuro tamén hai que marcalo. Para iso, conta con dúas ferramentas básicas: a segunda modificación do Plan sectorial de áreas empresariais, que prevé a planificación nos vindeiros meses de 7 millóns de metros cadrados para adaptar á Comunidade ás necesidades actuais e, así mesmo, a futura Lei de áreas empresariais.

Este novo texto, explicou, reforzará as estratexias de desenvolvemento e implantación de superficies empresariais e dotará a Galicia dunha única regulación, o que dará seguridade xurídica. “Reforzaremos as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies na Comunidade e o seu posterior mantemento”, concluíu.